El jardín del Samuray

"El jardín del Samuray"

Obra:EL JARDÍN DEL SAMURAY
Autor: GAIL  TSUKIYAMA




    Trátase dun libro intimista, no que o protagonista, un novo chinés, se traslada a Xapón, á casa do que era o seu avó, para descansar e recuperarse dunha tuberculose, na época previa á Segunda Guerra Mundial. Non obstante, o feito de que os xaponeses estean a invadir China, e de que sexa precisamente un chinés vivindo en Xapón nesta convulsa época, pasa totalmente a un segundo plano. Se non fose por algúns detalles concretos, a historia podería desenvolverse noutra época menos conflitiva e apenas cambiaría.
GAIL  TSUKIYAMA, Imaxe recollida en bookpatch.blogspot.com.es
     Stephen, o protagonista, alí descansará, nadará nas súas augas do mar e pintará baixo a brillante luz que baña a costa. Estará nun ambiente tranquilo e solitario ata o encontro con catro residentes locais: unha fermosa nova xaponesa e tres persoas de idade máis avanzada. O que xorde a continuación é unha narración, a un mesmo tempo, clásica e extraordinariamente singular. O mozo protagonistas terá a súa propia aventura existencial, pero será a historia de Matsu, Sachi e Kenzo o que atraerá a atención e o que o lector recordará ao rematar as páxinas deste libro.

  A autora, é americana, de pai xaponés e de nai chinesa... Gail Tsukiyama nace en San Francisco onde transcorre a súa infancia; actualmente vive en El Cerrito, California, e dedícase a escribir a súa seguinte novela. Pola coincidencia do protagonista, crese que o libro en certo modo é autobiográfico.

    Respecto ao título, debemos facer mención a dous aspectos fundamentais na narración; por unha banda os xardíns, como lugares onde os espíritos se relaxan e atopan a paz; e, por outra banda, o samurai, membros dunha elite militar cuxa característica principal era o alto sentido da honra e a defensa dos ideais do seu pobo antepostos aos seus propios, por iso eran os adaís e defensores da tradición. Ambos os dous termos enmarcan e definen perfectamente a personalidade  do coprotagonista, Matsu, eixo que vertebra todas as historias.

   En Kioto, onde os xardíns non se regan porque a chuvia os abastece de auga, os xardineiros adoitan ter asignados, entre as árbores que se esculpen, uns exemplares determinados, de maneira que sexa unha soa persoa a que poda, modela e coida a súa obra. "Trátase de equilibrar a paisaxe do xardín coas montañas e a natureza do ámbito, para o que se necesita sensibilidade e tempo". A paixón polos xardíns vívese tamén nas múltiples vilas abertas ao visitante polos seus propietarios ou descendentes dos que se dedicaron con paciencia e empeño a crealos. Entre elas destaca a que mandou construír en 1641 Jozan Ishikawa, un samurái que colgou os seus dous sabres para converterse en mestre. Polo delicioso paseo que se denomina Camiño dos Filósofos atópanse varias destas vivendas, como Murian e Hakushasonso, esta última adquirida polo pintor Kansetsu Hashimoto en 1913. Hashimoto dedicou 30 anos a deseñar o seu propio xardín, para o que trouxo pedras de todos os cantos de Xapón, e no que se advirte, ao igual que na súa pintura, a influencia chinesa.
GAIL  TSUKIYAMA, Imaxe recollida en litquake.org

    En realidade, a arte da xardinaría, como tantas manifestacións culturais de Xapón, procede da veciña China. A fluidez dos contactos comerciais e diplomáticos entre as dúas cortes imperiais, a partir do século VIII, facilitou esta influencia. Os primeiros xardíns apareceron durante a capitalidade de Nara (710-794), dentro do pazo imperial, e tiñan un deseño claramente paisaxístico, con estanques e illas de lotos que representaban o concepto taoísta da dualidade yin-yang (noite-día). Co traslado da capital a Kioto, a xardinaría converteuse nunha arte propia, suxeito ás normas e influencias do devir de Xapón para converterse en bandeira da súa civilización e nunha das súas expresións máis exquisitas. Agora que o mundo galopa atrapado na vertixe da globalización, os xardíns xaponeses representan máis que nunca o descanso do guerreiro.

    Coas liñas narrativas claras, sinxelas e cegadoras da mellor arte oriental, Tsukiyama creou unha pequena e conmovedora obra mestra. Os seus vívidos personaxes e a súa prosa cristalina así coma a exquisita beleza dos serenos ambientes que describe supoñen unha forte emoción para os sentimentos. É un libro que fala da soidade, de amizades improbables e de amores imposibles. Que sexan xaponeses ou chineses é algo que pasa bastante desapercibido.


   En definitiva, é un libro que non narra grandes accións, grandes aventuras nin grandes fazañas. E non obstante é un libro que engancha, que inquieta, que fai pensar. Todo parece que transcorre sen grandes espaventos, cunha grande dozura e ata as cousas máis terríbeis están descritas sen acritude nin dramatismo.A forza interior dos personaxes coloca as situacións espantosas que se viven como mero panos de fondo: a guerra, a masacre dos chineses polos xaponeses; a infidelidade do pai; a frialdade da nai; as experiencias durísimas que está a vivir a irmá pequena, o desprezo da sociedade polos enfermos, a morte e o suicidio como a restablecemento da honra social, o papel da muller na sociedade, etc. Todo está descrito baixo tenues e cálidas pinceladas, igual ca nun cadro relaxante onde non hai cabida para as estridencias; todo parece estar acompañado dunha música de fondo que axuda á reflexión interior mentres traballas no teu xardín. Todo esperta os sentidos, a sensualidade, incluso e coidada edición, sen deixar para nada entrever unha realidade tremendamente dolorosa de personaxes atormentados.


No hay comentarios:

Publicar un comentario