Fuxir

"Fuxir"


Obra: "Fuxir"
Escritor: Jean Philippe Toussaint

Personaxes: home sen nome, Marié, Li-Qi e Zhang.
Tempo: o tempo da historia dura 5 días.


Escritor


         Jean-Philippe Toussaint é un escritor e cineasta belga de lingua francesa nacido o 29 de novembro de 1957 en Bruselas. Licenciouse no Instituto de Estudos Políticos de París en 1978 e posúe un doutorado en historia contemporánea. É autor de oito novelas e varios relatos, todo publicado na prestixiosa editorial francesa Les Editions Minuit, que se caracterizan por un estilo minimalista e nas que os personaxes e as cousas non teñen máis significado que o seu propio.

Jean Philippe Toussaint,imaxe recollida de lesoir.be
         Obtivo o Prix Victor Rossel en 1997, o Prix Médicis en 2005 e o Prix Décembre en 2009. As súas novelas foron traducidas a máis de vinte idiomas entre os que se atopan o castelán, o galego e o catalán. Ademais de escritor, Jean-Philippe Toussaint é director e guionista de cine e fotógrafo. En 2005, obtivo o Premio Médicis por Fuxir. O Premio Médicis é un galardón literario francés dado cada ano no mes de novembro. Fundado en 1958 por Gala Barbisan e Jean Pierre Giraudoux, concédese a un autor cuxa "fama aínda non emparelle ao seu talento". 

         “En vinte anos, Jean-Philippe Toussaint pasou dun cuarto de baño á China co belo Fuxir, publicado en setembro de 2005, continuación invernal de Faire l’amour. Ambos libros forman un díptico: o primeiro narra unha ruptura, o segundo as súas consecuencias. Un, estático, desenvólvese nun hotel, o outro parece estar sempre en movemento”.

Sinopsis 

          A novela, publicada en setembro de 2005, e en galego no 2007, está dividida en tres partes ou capítulos.

Capítulo I

          A narración comeza cando Marie e el, o protagonista-narrador, están separados e conta o sucedido no verán anterior a separarse. El marcha a Sanghai a unha viaxe de pracer de 15 días e ela confioulle unha misión de entregarlle 25.000 dólares en efectivo ao axente de negocios dela, chamado Zhang Xiangzhi, que se dedicaban a operacións inmobiliarias na China, negocios de dubidosa legalidade e ilícitos: alugueres e vendas de baixos comerciais, merca de terreos en zonas protexidas e recualificacións por corruptelas e comisións. Xa o fixera en Corea e Xapón e instalárase en HongKon e Pequín e agora debecía por adquirir oficinas en Shanghai e no sur do país.

         Zhan Xiangzhi- de 40 anos, bochechudo, pel lisa e cobriza, lentes de sol escuras que tapan a metade da cara. Viste camiseta agrisada de manga curta e unha cadea de ouro no pescozo cun colgante en forma de pouta de dragón. Recibe ao protagonista nun mercedes. Un día invita ao protagonista a unha exposición e alí coñece a Li Qi.

Libro en francés, imaxe recollida de galinettelola.wordpress.com
         Li Qi- está soa, sentada no chan de formigón, arrimada á parede, longa melena negra, e traxe de coiro cor crema. Logo marchan a sentarse a un banco na galería con dúas botellas de Tsingtao, despois 4, logo 6 e así pasan a noite. Ela dille que ao día seguinte ten que ir a Pequín polo seu traballo e propóñelle acompañala. El acepta. Como son só dous días, el colle unha mochila e vai a estación onde queda con ela. Aparece entre a multitude cun vestido vaporoso, lixeiro, cor caqui que era máis ben unha camisa aberta por riba dun xustillo negro e no pescozo un minúsculo lapexo de xade; detrás dela viña Zhang Xiangzhi que tamén ía a Pequín. 

         Compran os billetes de forma clandestina (toda a sociedade vende no mercado negro), e mentres el vai por unhas bebidas, ela dálle un agasallo a el. O tren é nocturno; ían en liteiras e van cear ao vagón restaurante. Cando se deitan e queda durmido Zhang saen eles dous do compartimento e quedan a beber cervexas no medio de dous vagóns onde estaban os aseos. Bícanse e entran no servizo e cando están a piques de ter unha relación sexual, chaman á porta e logo sóalle o móbil a el dentro da mochila que quedou fóra. Sae e é Marie para dicirlle que morrera o seu pai (Henri de Montalte).Marie- está tranquila, non chora nin berra, nin fai xemidos nin salouca; ten a voz tranquila. Chamáralle Maurizio, o caseiro da residencia do pai da Illa de Elba onde estaba a pasar o verán. Morrera afogado por enfermidade cardíaca. No momento de recibir a nova, Marie está no Louvre, eran as 5 da tarde e saíndo do museo é cando chama ao protagonista para dicirllo.El chora no tren ante a nova. Tal vez pola infidelidade del e a pena dela.

Capítulo II

Chegan a Pequín antes das 9 da mañá e van a un hotel en obras que negociara Zhang e decátase de que eles dous comparten a habitación. Toma conciencia de que son parella ou amantes. Desde a Habitación chama para cambiar o billete para saír a París ao día seguinte. Cando vai a habitación deles para saír a comer ve polo espello como el lle dá o sobre dos cartos que el lle entregara de parte de Marie. Ela di que vai estar ocupada e que será Zhang quen lle ensine Pequín ata atoparse. Cando van de visita a un templo, el abre o agasallo de Li e ve que é un perfume que deixa ao lado dunha fonte abandonado. Logo Zhang aluga unha moto e van a unha boleira e alí ven Li Qi e cando están xogando, Zhang recibe unha chamada e teñen que escapar os tres e collen a bolsa que trouxera Li Qi que era cocaína, e subidos á moto chegan a un bar e na trapela na parte de enriba da barra deixan a bolsa e logo de vaias fazañas deixan a el e dinlle que colla un taxi e vaia ao hotel, mentres eles marchan na moto.

Capítulo III

El chega a París e logo despois de varias viaxes chega á Illa de Elba para ir ao enterro do pai de Marie ás 11 da mañá. O pai dela levaba 10 anos na casa con finca, ao nordeste da illa, preto da praia con árbores e mato para cabalos. Tamén conservaba o apartamento en París. Vivía só cos cabalos, facía pesca submarina e tiña unha grande biblioteca de historia da arte e filosofía, principalmente. O pai arranxara para Marie alí na finca, unha vella casa do xardineiro. Colle un hotel e marcha á igrexa. Ve a Marie e unhas 20 persoas e o cadaleito diante do altar e ela fronte ao cadaleito soa, vestida cunha camisa branca e pantalóns cinguidos beige, de amazona e co cabalo fóra que levara 12 k andando nel. O resto da xente é do lugar máis Maurizio de 80 anos e vellas vestidas de negro. Ela indícalle onde sentar e el sen que ela se decate marcha. Ela era dona dunha tenda de roupa en París. Logo do enterro ela o busca e ve que non está e vai por todo o pobo buscándoo ata dar coa habitación del no hotel pero non está; entón ela queda na cama esperándoo. Despois de tempo el chega e ela dille que vaian á praia. Ela báñase e non da chegado e pasa tempo e el cre que se afogou ata que a atopa no mar e chora.·

Personaxes

         O protagonista e narrador: é o home sen nome. É coma unha folla levada polo vento que vai e volve, sen peso, sen nome… Conta a historia cunha chea de sentimentos enfrontados; por un lado ama a Marie e chora cando se enteira da morte do seu pai por estar ela soa e el séndolle infiel; pero por outro, é frío e apagado capaz de cruzar medio mundo pero retirarse e non estar ao lado da súa moza no momento fundamental. Séntese mal cando ela o ignora no funeral, pero cando parece que a súa redacción é unha especie de vinganza, decatámonos de que non é así ao ver a ruptura final da parella.

Jean Philippe Toussaint,imaxe recollida de bibliobs.nouvelobs.com
         Maríe: estraña tamén, metida en negocios raros e traficante; filla dun pai de clase acomodada, posuía na actualidade unha tenda de roupa en París, ademais dos negocios sucios en Asia (Corea, Xapón, Pequín e Hongkon), e agora quería abrir mercado tamén en Shangai e o sur do país. Chama ao protagonista para darlle a noticia do seu pai de forma fría, sen chorar. Está no museo do Louvre e finalmente sae correndo. É capaz de meter ao seu noivo nun problema sen lle dicir nada, pois lle dá un sobre con cartos para un mafioso. Na igrexa está soa, diante e non quere que el estea ao seu lado. Vai ata o hotel del e senta a esperalo, unha vez que acaba o funeral, e reacciona furiosa e histérica. Viste de amazona como quería o pai.

         Li-Qi: personaxe tamén estraño. Coñécea o protagonista sentada no chan ao marxe da festa, bebendo; vaise con el e invítao a ir a Pequín sen lle dicir nada de Zhang, nin da súa relación. Logo desaparece co sobre de Marie e volve aparecer na boleira cunha bolsa que se supón chea de droga. Ela está disposta sempre a ter relacións con el, ao marxe da Zhang.. Non pregunta nin quere que lle pregunten nada.

         Zhang: é o home mafioso. Trafica con todo, venda dos billetes (mercado negro), no hotel en ruinas en Pequín, ao comprar a moto, coa droga,…En toda a novela parece que as mulleres levan a voz cantante; deciden, actúan, utilizan, móvense, negocian… Son caprichosas. Eles son marionetas nas súas mans, déixanse ir. 


O Tempo

         O tempo da narración: abarca moitos máis anos dos da historia pois fala da infancia ou adolescencia de Marie co seu pai, pasando polo ano anterior á ruptura da parella ata a actualidade, que é onde empeza a novela; logo podemos dicir que pasaron moitos anos.

         O tempo da historia: dura 5 días; desde que chega a Shangai ata que volve para o enterro do pai de Marie á illa de Elba.

        O capítulo I abarca 3 días e céntrase a acción en Shangai. Ten 50 páxinas

        O capítulo II céntrase en Pequín dura 1 día e ten 56 páxinas

        O capítulo III céntrase en París e a Illa de Elba , dura 1 día e abarca 50 páxinas.A capa do libro foi unha foto do propio autor tirada en China en 2001.

Illa de Elba, imaxe recollida de venere.com
       No capítulo III, as páxinas comezan co mar e rematan no mar (símbolo da morte, do descanso, da ruptura, do acougo,…), e practicamente cada parágrafo se inicia pola palabra Marie.A novela é moi cinematográfica e fotográfica; son flashes, escenas en acción e movemento que nunca se detén. Crea unha sensación de velocidade e simultaneidade que logra captar o movemento xa que nada se detén; só a morte é capaz de parar o traxeteo da vida (morte do pai e da relación de parella). O movemento centrado nun tren, en moto, nun avión, correndo, signo de un perpetuo movemento forzado polo autor, en busca do que el mesmo chama “a enerxía novelesca”.
         A súa obra fíxose máis visual, máis cinematográfica. Fuxir é unha bela resposta literaria ás creacións dos cineastas contemporáneos máis interesantes, como David Lynch o Wong Kar Wai” (Nelly Kaprêlian, Les Inrockuptibles). “Existe un 'estilo' Toussaint: trémulo, distinguido, desgarrado, inesperado, glacial. Existe un fulgor Toussaint, con perspectivas de rúas, habitacións, corredores, baldosas, siluetas, auga; toda unha onda de sensacións; o autor mostra un mundo de ilusións flotantes, cheo de trampas. Fuxir é un libro rigoroso, austero, habitado, engastado cunha simplicidade sorprendente ante a pesada trama das ‘novelas’ publicadas en Francia actualmente. Se todas as grandes novelas posúen unha luz propia, esta novela resplandece, intelixente e fraterna, desenganada e aristocrática.”. Chama a atención a estrañeza do amor e a familiaridade da morte

         Flashes: a grande velocidade, a aparición de Zhang en Shangai, a aparición de Li-Qi, a escapada en moto, a chegada ao funeral, a fuxida del no funeral,…

No hay comentarios:

Publicar un comentario