Xente ao lonxe

"Xente ao lonxe"

Escritor: Blanco Amor
Obra: “XENTE AO LONXE“

Personaxes: Suso, Evanxelina e Aser.
Estructura: pódese dicir que segue unha técnica cinematográfica de travelling.


Blanco Amor , imaxe recollida en axendaaelg.blogaliza.org

Escritor



    Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897. Fillo menor dunha familia modesta e autodidacta desde a infancia, en 1915 entrou como secretario de dirección en El diario de Orense. Antes de emigrar á Arxentina en 1919, participou no ambiente literario da cidade das Burgas e coñeceu o maxisterio de Risco, fundamental no seu posicionamento militante en defensa da causa galega e da universalidade da nosa literatura. Instalado en Bos Aires, proseguiu a súa formación en contacto coa vida cultural da emigración e con intelectuais e artistas do continente. En 1923 fundou con Isla Couto a revista galega Terra e, tres anos máis tarde, ingresou na redacción do diario La Nación. 

      A súa carreira literaria comezou en 1928 coa publicación de Romances Galegos. Neses anos realizou dúas viaxes á Península como correspondente de La Nación. Na primeira (1929-31) trabou contacto con Castelao, así como con varios intelectuais do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Aquí escribiu Poema en catro tempos (1931), longa composición sinfónica de filiación vangardista que publicaría na Arxentina. Xa en Bos Aires, Otero pediulle que colaborase na revista Nós, onde Blanco Amor publicou, ademais de poemas, tres capítulos de A escaleira de Jacob, novela inconclusa. Na segunda estadía (1933-35), coñecería algúns dos membros da Xeración do 27 española. Tras o levantamento militar, defendeu desde a Arxentina a legalidade prebélica e o Estatuto de Autonomía e impulsou o espallamento da nosa literatura no continente americano. Porén, até o ano 1956, en que publica Cancioneiro, a súa produción literaria estivo editada en español, nun intento falido de se integrar na cultura española. Catedrático de Lectura Expresiva e Interpretación de Textos no Conservatorio Arxentino desde 1952, fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego (1957), agrupación dramática de curta vida. 

      Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que se constituiría nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega. Xa de volta en Galiza, regresa tamén á cultura e a lingua galegas, dando ao prelo outra obra de enorme éxito: Os biosbardos (1962). Aínda que se viu ignorado pola oficialidade cultural, que o animara a regresar para despois desamparalo, literariamente viviu os seus anos máis fecundos. Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para Títeres, 1973; Teatro pra a xente, 1975) e interveu no intenso debate teatral do momento. Morreu en Vigo en 1979.


A Obra

Imaxe recollida en todocoleccion.net

      Na nota coa que remata a obra fala de cando o seu autor a escribiu. Di que as partes I e II foron escritas no decorrer dos anos 1966 e 67. O resto foi entre 1968 ata o 25 de outono de 1970, en que a rematou. A obra sae do prelo en Vigo, en febreiro de 1972. O libro que estamos a manexar é a décimo quinta edición, de 2011.

      O prólogo útil, que é como aparece na obra, o autor comeza cunha cita de Gropius, o creador da Bauhaus, que fala da reintegración na nación, xa como un preludio do que nos vai deparar. Porque efectivamente, neste prólogo o autor fala da súa intención con esta obra. Quere facer un exercicio de linguaxe, a favor da nosa lingua, das súas posibilidades narrativas entre as linguas modernas (a lírica xa quedara sobradamente testemuñada). Quere que sexa o galego común na procura dunha potencialidade de expresión. A prosa ten que situarnos na nosa realidade social e facernos sentir libres de mimetismos estilísticos; ten que ser entendida e recoñecida como “súa” polos seus falantes.

      Na primeira parte, que é case un terzo de toda a extensión da obra, fálanos das vivencias non concretas, senón esfumadas, de escura raizame colectiva expresadas de xeito sinxelo e patente: a pobreza determinista (non estar senón ser pobres); a agresividade, nas represións persoais e sociais; o sexo como desenfado provocador na moral do tempo respecto das ansias espontáneas; a maternidade: os gozos, as frustracións… A xente concreta escolle a súa vida poñéndoa a salvo do círculo determinista procurando unha conciencia do SER en sociedade e en solidariedade, polo exercicio do “deber” da solidariedade.

      É o que sucede nas grandes mobilizacións agrarias da segunda década do XX sen máis bases ideolóxicas que os revulsivos emocionais da palabra de Basilio Álvarez, crego de Ourense. A xente é válida polo que fai por iso o tempo é máis psicolóxico que cronolóxico.

Argumento
      É a historia da familia Vilar desde o nacemento do fillo máis pequeno, Alberte, ata a inminente certeza da morte do pai, Aser, no penal. 

Apóiase en tres personaxes:


      Suso, fillo de Aser e Severa, narrador principal e aparente protagonista que vai crecendo co desenvolvemento da obra.
       Evanxelina, Vanxe, a quen se lle confía a última palabra da narración e verdadeira continuadora da loita e ideoloxía de Aser.
        Aser, o pai da familia, mártir polos ideais.

    De fondo, o proletariado de A (Aurea, Ourense), e de lonxe as clases sociais: aristócratas, burócratas, cregos, comerciantes, prostitutas, moinantes… Ten 170 personaxes, por iso podemos afirmar que a obra é de protagonización colectiva, igual que na Esmorga.

Blanco Amor, imaxe recollida en galicia24horas.es
      A duración vén dada pola evolución de Suso de neno a mozo, pero non é o protagonista absoluto e o foco informativo cambia ao final e pasa a ser Vanxe que é quen valora os acontecementos ao final da obra, na carta.

     A familia e os traballadores que frecuentan a casa dos Vilar son persoas altamente concienciados nos dereitos e problemas. Hai solidariedade e esperanza de facer un mundo mellor aínda que supoña un sacrificio. Ante a estrutura social inxusta que degrada a vida e a existencia dos marxinados, só queda aceptar ou loitar, e nesta obra decídese loitar.

   Na Esmorga e en Xente ao lonxe hai personaxes comúns e é en Áurea onde se desenvolve, pero na Esmorga o autor non toma partido; aquí si valora e mergúllase na problemática dos individuos.

A poboación está dividida en:
 O señorío, sociedade fortemente estamentalizada, sen relacións interclasistas e se existen son conflitivas. Son os señoritos, os maragatos e a clericalla.
  Os traballadores, personaxes puros, próximos ao lector, hai seres imperfectos e frívolos pero leais e solidarios.

Contexto histórico

Imaxe recollida en eduardoblancoamor.wordpress.com
   A obra desenvólvese nas dúas primeiras décadas do século XX; en concreto en 1909 e arredor desta data pois aquí se fala do motín de Oseira, da semana tráxica de Barcelona, facendo alusión as consecuencias que tiñan a desamortización de Mendizábal e o desastre colonial. Estamos en plena época da Restauración Borbónica con Afonso XIII, logo do Sexenio revolucionario coa 1ª República, a chegada e saída de Amadeo de Saboia e a volta dos Borbóns con Afonso XII. En 1902 chega Afonso XIII á monarquía española e os partidos políticos terán a alternancia dos partidos liberais (con Sagasta ao fronte) e conservadores (con Cánovas del Castillo). España sufría catro problemas de suma importancia que darían ao traste coa monarquía liberal: a falta dunha verdadeira representatividade política de amplos grupos sociais; a pésima situación das clases populares, en especial as campesiñas; os problemas derivados da guerra del Rif; e o nacionalismo catalán, espoliado pola poderosa burguesía barcelonesa. Esta obra é a parábola dos anos nos que escribe, na madurez, a ditadura de Franco e os últimos anos de grande axitación. Pola censura, a única forma de achegarse cunha mensaxe aos seus contemporáneos é xogar coa censura e desprazarse no tempo dunha historia aparente, distante pero próxima á década dos anos 70 con axitacións, folgas en Santiago, Castrelo do Miño, folgas de Ferrol e Vigo polo sector naval, xuízos de Burgos… Época de forte represión.

    A novela é una interpretación da situación que se está a vivir en Galicia no ano en que sae do prelo.  Incluso se di que Blanco Amor tiña a mesma idade que Suso no ano en que se desenvolve a obra e os mesmos anos cando remata, pero Blanco Amor estaría en Bos Aires en vez de en Madrid como está Suso ao remate da mesma. Por iso chegou a dicirse que era una novela autobiográfica, pero non é certo.
Cada parte da obra introdúcese cunha cita igual que o prólogo. A primeira parte a cita é de Camus; a segunda é de François Mauriac; a terceira é de Kant e a cuarta é de Proust.


Estrutura


Pódese dicir que a obra segue una técnica cinematográfica de travelling.
Primeiro hai unha panorámica de Áurea, na que se ven moitos personaxes e xente.
Plano xeral, céntrase no problema da escola laica e achégase a Suso na súa evolución.
Primeiro plano na terceira e cuartas partes, coa intervención da familia e o mundo obreiro. Redúcense os personaxes.

Son capas concéntricas dun mesmo froito. O exterior máis dilatado e menos representativo e o interior máis estreita e máis rica.


No hay comentarios:

Publicar un comentario